Que é Ponte… nas Ondas?

  • pt-pt
  • gl
  • es
  • en

PONTE…NAS ONDAS! é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que, desde 1995, realiza actividades educativas e culturais en Galicia e no Norte de Portugal. Entre os fins da asociación están a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a promoción da identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. A estas finalidades engadíuselle no ano 2002 o compromiso de traballar na recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses.

Grazas á cooperación entre escolas de Primaria e Secundaria, ao longo de máis dúas décadas, realizáronse diversas actividades desde os centros educativos das dúas marxes do río Miño, construíndo unha ponte de comunicación que atravesa a fronteira de dous territorios, descubrindo un patrimonio común compartido pola antiga Gallaecia.

En 2001, a Asociación abraza o proxecto da UNESCO ‘A ruta do escravo’ para, a partir do ano 2002, centrar as súas accións no patrimonio inmaterial.

Neste contexto, impulsada polas primeiras proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Oral e Inmaterial, promóvese a primeira Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

A proposta de candidatura é presentada aos gobernos de Portugal e de España por unha comisión de profesores e asesores da Asociación tras un importante traballo de campo, de documentación, investigación e un intenso labor de divulgación realizada polas escolas da Euro-Rexión Galicia Norte de Portugal. Posteriormente, en 2004, realízase a entrega da Candidatura en París conxuntamente coa representación diplomática de Portugal e España na UNESCO.

Coa entrada en vigor da Convención do Patrimonio Cultural Inmaterial, o traballo de PNO! continúa centrado na preservación, difusión e transmisión deste patrimonio común, para o que organiza diversas actividades: Mostras de Patrimonio, Concursos escolares de recollida do patrimonio oral, Congresos, Xornadas pedagóxicas, encontros con persoas portadoras, etc.

Ao longo destas dúas décadas, PNO! foi construíndo unha rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.